Tuesday 07 de May de 2024

Protección Civil de Bergondo finalizou 2022 sumando 722 intervencións


· Na súa memoria anual a agrupación bergondesa destaca a elevada presenza de xabarís en estradas de alta ocupación viaria.

A agrupación municipal de Protección Civil de Bergondo levou a cabo 722 intervencións ao longo do ano 2022. Os efectivos desenvolveron actuacións nos distintos ámbitos, avisados tanto polo 112 como pola Policía Local ou polos propios cidadáns.

Boa parte das intervencións debéronse a actuacións na rede viaria, onde se rexistraron 128 accidentes de tráfico, aumentando a cifra nun 7,6% con respecto ao ano anterior.

Na súa memoria anual, Protección Civil destaca a diminución significativa da caída de árbores respecto ao ano anterior. En canto aos incendios, de tipo urbano, forestal ou en vehículos, actuouse en 8. As inundacións en estradas implicaron 15 actuacións de Protección Civil.

Polo demais, ao longo do ano Protección Civil realiza actividades de formación tanto internas, para mellorar a capacitación dos seus integrantes, como externas, dirixidas a escolares e a adultos.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, puxo o foco sobre a “importantísima labor que fai Protección Civil nun concello como o noso, sempre coordinados coas forzas de seguridade” e lembra que “o seu traballo, altruísta, beneficia directamente aos veciños e veciñas de Bergondo xa que están operativos os 365 días do ano”.